Thursday 18 de April de 2024

Preto dun cento de persoas arroupa a Xerardo Agrafoxo na presentación do libro “Mari Pepa e Manuela, dúas mulleres de Lousame vítimas do franquismo”


Agrafoxo destaca a importancia deste tipo de actos para “dignificar a esta xente”

A Casa da Cultura de Lousame acolleu na noite de onte venres a presentación do libro “Mari Pepa e Manuela, dúas mulleres de Lousame vítimas do Franquismo” por parte do seu autor, Xerardo Agrafoxo, quen estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e polo presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, Carlos Cimadevila. Todos eles estiveron arroupados por case un cento de persoas, chegadas non só do Barbanza senón tamén de comarcas veciñas, que encheron o auditorio lousamiá e desfrutaron tanto da presentación como das actuacións de Os Quinquilláns e da música de Barahúnda.

De feito, a música de Barahúnda e unha representación teatral de Os Quinquilláns serviu para presentar a historia do asasinato de Mari Pepara o 24 de febreiro de 1938. Acto seguido, tomou a palabra Carlos Cimadevila, quen lembrou que “hoxe queremos recordar para que non quede no esquecemento, a dúas mulleres de Lousame vítimas da represión franquista: María Josefa Becerra Raíño, Mari Pepa, de 48 anos que, por darlle acubillo a Perfecto Vilas Romero, foi asasinada o 24 de febreiro de 1938. E a Manuela Martínez Iglesias, de 22 anos e casada, que recibe un disparo cando recollía wolframio o 5 de outubro de 1943. Nos dous casos coa participación do cabo José Ríos”.

Pola súa banda, Xerardo Agrafoxo destacou a importancia destes actos para dignificar ás vítimas, lembrando que as súas familias quedaron nunha situación moi complicada e que condicionou as súas vidas. “Era xente amargada, sos, condenados a vivir na miseria. Por iso é importante estes libros e estes actos para dignificar a esta xente e darlles a coñecer que aquí estamos nós”

De feito, Teresa Villaverde salientou que a intención desta presentación era “facer unha homenaxe á muller a través de Mari Pepa e Manuela e, ao mesmo tempo, un recoñecemento a todas as persoas que nun momento tráxico da nosa historia que temos que coñecer para non volver a repetir todos eses erros. Como estamos a ver na guerra de Ucraína, onde tamén hai Mari Pepas e Manuelas que están morrendo asasinadas vilmente”. “Temos a obriga de dar a coñecer ás persoas mozas a nosa historia, sempre co obxectivo de que a palabra das persoas que escriben, o trazo dunha persoa que pinta ou mesmo unha escultura nos leven a concluír que hai que apostar polo respecto. As ideas poden compartirse, podes discrepar pero nunca repetir este período da nosa historia porque foi terrible. Matáronse entre irmáns, entre veciños”, insistiu a alcaldesa.

Historia de Mari Pepa e Manuela

Xerardo Agrafoxo comezou a súa exposición narrando os primeiros momentos do golpe de Estado e como se viviu en Lousame e na comarca de Noia, facendo fincapé na actuación que houbo por parte dos traballadores das minas de San Finx e as súas mobilizacións a prol da República en Noia, Santiago, A Coruña e Muros.

Cando chegou ao caso das dúas mulleres asasinadas en Lousame, contou o asasinato de Perfectos Vilas e como “o corpo quedou alí, non permitiron que ninguén o tocase. Cubrírono con cisco. Pero entón, ao día seguinte colleron a Mari Pepa, a dona da casa, viúva e con cinco fillos, para que lles explicara por onde se ía á Cruz de Marselle e desapareceu. E ao tempo collero a Antonio, o irmán que tiña 18 anos, para que lles indicase un camiño… E apareceron mortos, sen poder tocalos. Chamaron a dous rapaces de Vilacoba, que falei con eles, Andrés Nero e Euxenio Lorenzo, e nunhas padiolas os levaron ao cemiterio”.

Sobre o caso de Manuela, lembrou que “chegou o cabo Ríos e o Marelo, que tiña o cor da herba enferma, tiroulle un tiro pola espalda que lle rompeu o cinturón e aló quedou. Eu creo que estaba embarazada e a familia quedou marcada para sempre”. Unha explicación acompañada pola actuación de Lucho Penabade, do grupo Os Quinquilláns, quen caracterizado como un Garda Civil narrou como foi o asasinato desta muller por ir á “roubacha” do wolframio.

Finalmente, Xerardo Agrafoxo agradeceulle á alcaldesa de Lousame “o seu compromiso porque, como dicimos sempre que falamos destas cousas, non é normal que unha persoa do seu partido nos dea tanto apoio e estea sempre presente. Iso é moi importante”. Un agradecemento que compartiu Villaverde Pais, quen engadiu que “ninguén me dixo nada no meu grupo por vir a este tipo de eventos. Son libre e penso que temos que coñecer o que sucedeu e temos a obriga de non trasladar odio e resentimento. Temos que dicir que o diálogo, a palabra, o respecto teñen que poñerse sobre a palestra porque a sociedade de hoxe non é un exemplo de todas estas cousas”.

Así mesmo, engadiu que “na escenificación falábase de Mari Pepa nai, filla, esposa, traballadora, loitadora… todo o que son moitísimas mulleres: onte, hoxe e sempre. E necesitamos a axuda dos homes porque o feminismo non vai contra os homes, vai contra o machismo. Temos que seguir neste traballo diario para que o Día da Muller sexa o Día da Igualdade”.